O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou que a candidatura das Illas Cíes-Illas Atlánticas “xa está, usando un símil futbolístico, na final” e é “a única que ten entrado nesta carreira longa e complexa para ser Patrimonio da Humanidade”.
Rodríguez amosouse satisfeito de celebrar “esta reunión ao máis alto nivel, seguindo coa nosa folla de ruta, cuxo obxectivo é converter a Cíes-Illas Atlánticas, que xa son un paraíso de todos os galegos, en patrimonio mundial”. Cómpre lembrar que esta candidatura choca de fronte coa impulsada polo Concello de Vigo, que aposta por optar a esta distinción co arquipélago das Cíes en solitario, o que suscitou unha importante polémica.
A opción que defende o Goberno galego xa superou a primeira proba cando o Consejo de Patrimonio Histórico Español aprobou a súa inclusión na Lista Indicativa o pasado mes de outubro. De feito, a lista foi actualizada e publicada pola UNESCO o pasado 5 de febreiro, “dándolle carta de natureza á candidatura”. Agora, e por requirimento da propia UNESCO, a candidatura deberá permanecer na lista un ano antes de seguir co procedemento.
Respaldo a Ribeira Sacra e Ferrol da Ilustración
Tras a reunión mantida coa directora do Centro do Patrimonio Mundial e coa embaixadora de España ante a UNESCO, Román Rodríguez agradeceu o traballo da embaixadora para facilitar esta interlocución e a posibilidade de presentarlles aos responsables do Centro Mundial do Patrimonio a folla de ruta para a salvagarda e difusión das candidaturas.
Román Rodríguez, aproveitou a reunión para respaldar diante da UNESCO as outras candidaturas nas que Galicia está a traballar para a súa futura inclusión na Lista do Patrimonio Mundial, nomeadamente as da Ribeira Sacra e a do Ferrol da Ilustración.