A xornada comezou coa proba de paratríatlón, que se desenvolveu con moita chuvia, o que dificultou o descorrer dos deportistas, fundamentalmente na bicicleta. Susana Rodríguez, xunto a Mabel Gallardo, fixo unha boa natación, e comezou a bicicleta na loita pola segunda posición.
Por diante, a británica Alison Patrick, que ademais aumentou a distancia durante a bicicleta. Neste segmento, Susana e Mabel non se atoparon demasiado ben, feito que aproveitou Melissa Reid para ocupar unha cómoda segunda posición, mentres que Susana era terceira.
E na última volta do ciclismo, Alison sufriu unha picada que lle fixo perder moito tempo e posicións, ao ter que chegar a T-2 coa roda sen aire. Este feito foi aproveitado por Melissa para poñerse líder e lograr o título de campioa de Europa cun tempo de 01:12:44, mentres que segunda foi a viguesa Susana Rodríguez (01:14:29). Finalmente, o bronce foi para a alemá Lena Dieter (01:16:36).