O edil de Deportes afirmou que o pádel «ábrese camiño con forza e cada vez hai máis practicantes», felicitando á organización polo número de deportistas inscritos «que participan con toda a forza e enerxía». O concelleiro subliñou que este torneo non é só un evento deportivo senon que «tamén constrúe deporte e cidade», anunciando «o compromiso municipal de seguir apontoando todas as iniciativas de actividade física e saudable».
O torneo é o único con respaldo municipal ao levar o nome do Concello, o que o converte no oficioso Campionato de Vigo por terceiro ano, tralas citas de novembro de 2012 e setembro de 2014. Agora o evento chega en pleno verán pero mantendo o mesmo número de categorías: dez, tres federadas (1ª masculina, feminina e mixta) e sete open ou non federadas (2ª, 3ª e 4ª en homes e 2ª e 3ª nos cadros feminino e mixto).
Amaro agradeceu a disposición e implicación do Concello e valorou que o torneo sexa oficial, de categoría prata para a Federación Galega de Pádel, «que lle dá máis empaque e calidade». De feito, 45 das 202 parellas que entran hoxe en competición son federadas e chegadas de varios puntos da comunidade autónoma.
Dende o club organizador amósanse satisfeitos polo crecemento do evento, que pasou de 130 parellas en 2014 a máis de 200 agora, con 36 parellas femininas e 41 mixtas, e avanzouse que «coa apertura de MQA Navia despois do verán» (oito pistas azuis e panorámicas cubertas) «o pádel en MQA vaise colocar nunha posición moi boa».
Cortegoso, pola súa banda, indicou que en MQA «o pádel ten a mesma importancia que outras actividades pola demanda a nivel popular que xerou», e lembrou que polo menos 1.500 persoas pasaron en 2014 polas súas pistas.
De feito, MQA traballa cunha gran canteira de rapaces e rapazas, que se multiplicou por catro o último ano mentres que a escola sénior rolda as 300 persoas.
O complexo municipal de Barreiro conta con dúas pistas de muro cubertas, catro de cristal cubiertas e catro de muro ao aire libre.