Na categoría júnior, gran actuación da galega Inés Santiago, que quedou moi preto das medallas. Inés foi cuarta, mentres que Carmen Gómez ocupou a décima posición. Ambas estás clasificadas para disputar o Mundial. En júnior masculino, Andrés Cendán, con problemas na bicicleta, foi 39º.
Inés Santiago e Carmen Gómez estiveron a un nivel excepcional. Inés saíu en cabeza dende a natación, abandonando a T1 nun grupo de seis triatletas, mentres que Carmen estaba moi preto, a só 13 segundos. E esa foi a dinámica durante o resto da proba: Con Inés e Carmen no grupo de cabeza ata a saída da segunda transición. Quedaban por diante 5 quilómetros de carreira a pe nos que se ía a decidir todo. E así, Carmen foi quedando un pouco descolgada, mentres que Inés seguía con opcións de podio, na cuarta posición. Ao final, escapouse o podio, pero excepcional a actuación de Inés Santiago, no seu cuarto posto (01:03:26). Carmen Gómez (01:04:22) tamén entrou no top-ten coa súa décima posición e ambas lograron clasificarse para o Mundial.
Na categoría júnior masculina, Andrés Cendán foi no grupo cabeceiro. Saíu da auga en novena posición e estivo no primeiro grupo na bicicleta ata que tivo un problema que lle fixo perder moito tempo e posicións. Ao remate, 39ª posición para o galego, mentres que o triunfo foi para o español Javier Lluch.
Na proba elite masculina, exhibición do pentacampión do mundo Javier Gómez Noya, que dominou a proba de principio a fin, e se marchou en solitario na carreira a pe, para acadar o seu cuarto Europeo. A prata foi para o ruso Dmitry Polyanskiy e o bronce, para o suizo Andrea Salvisberg.
Pola súa banda, o vigués Antonio Serrat tivo algúns problemas. Na natación estivo bastante cómodo e preto do primeiro grupo, formado por catorce deportistas. Ao saír da T1, a distancia estaba en torno aos 30 segundos, pero na bicicleta foi en aumento ata superar o minuto. A falta de dúas voltas para rematar o segmento, Antonio logrou escapar do segundo grupo xunto ao británico Sheldon, e así chegaron á T2 moito máis preto dos primeiros. Pero na carreira a pe, Serrat acusou os problemas que tiña nun xeonllo, polos que levaba varios días sen adestrar, e sufriu para rematar a proba (24º).