Victoria Alonso, voceira do PSOE, lamentou os feitos e sinalou que «cómpre pararse a reflexionar sobre a actitude da alcaldesa, quen tratou de impedir o libre acceso do pobo, esixíndolle identificacións a algunhas persoas, mentres se dedicaba a meter aos seus afíns por unha porta traseira».
“Se hai unha asemblea veciñal todo o pobo debe entrar pola mesma porta e cos mesmos requisitos. Asistimos, co beneplácito da alcaldesa, da Xunta de Galicia e do Partido Popular, a un intento de recualificar milleiros de metros cadrados de solo rústico forestal protexido para convertelo en solo urbanizable en beneficio non do Celta de Vigo, senón dun empresario millonario, que é o señor Mouriño: o que se di un auténtico “pelotazo” urbanístico”, explicou.
Alonso engade que os intereses económicos dun empresario están a piques de arrasar unha parroquia “e todo coa complicidade dunha alcaldesa que non para de queixarse de que somos un concello autovía e aeroporto e pretende solucionalo con máis cemento e metendo máis viais de paso para dar servizo a Vigo e non a Mos”.
Marcha contra Porto Cabral e o centro comercial do Celta
Ademais, o colectivo Ecoloxistas en Acción, como integrantes do Movemento Galego polo Clima e dentro da semana de mobilización de Vigo e comarca polo clima, convocou para este sábado unha andaina polos montes de Cabral, onde está proxectado o complexo de ocio Porto Cabral, e Tameiga con saída ás 10:40h desde a rotonda do aeroporto, ao pé do Ifevi.
Tamén este venres, 27 de setembro, co motivo da Manifestación Mundial polo Clima, haberá concentracións ás 11:00 horas diante do Concello de Vigo e saídas desde Vía Norte as 20:00 horas. «Despois dunha semana chea de eventos e mobilizacións de concienciación sobre a emerxencia climática que vive o planeta, este luns 30 de setembro, o Partido Popular de Mos pretende aprobar no pleno unha modificación puntal do PXOM para recualificar os terreos no monte de Tameiga, agora rústicos, como edificables para posibilitar o proxecto especulativo do Sr. Mouriño», sinala Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
«Ante o desinterese en escoitar aos veciños, as plataformas de afectados, aos propietarios dos terreos e tamén a oposición, este luns debemos ir ao pleno para deixar claro que o noso futuro está en Mos, e o Mos do futuro está relacionado coa súa contorna verde, non co gris formigón nos nosos montes», conclúe.