A alcaldesa do municipio, Nidia Arévalo, ofreceu este mércores unha rolda de prensa para lamentar que un grupo de comuneiros impedira a celebración do encontro pero fixo fincapé na “repulsa” que lle merece que os altercados remataran con feridos. Ademais de publicar un atestado policial (descargable ao final deste artigo), a rexedora desvelou que un veciño foi agredido cun pao na cabeza e foi trasladado en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde permaneceu toda a noite en observación. Ademais, dúas persoas tiveron que ser atendidas con ataques de ansiedade, unha persoa foi derribada a causa da pelexa e dúas persoas máis padeceron danos materiais (unha delas con rotura de gafas).
Segundo o informe da Policía Local de Mos, os altercados iniciáronse no momento no que os axentes pediron que as persoas que entraban no Multiusos se identificasen para o acceso ao recinto. Foi entón cando “un grupo de persoas vestidas con camisetas verdes quixeron entrar sen proceder a súa identificación e comezaron os forcexeos”. Os axentes tentaron, sen éxito, pechar a porta para que empezara a reunión. O informe tamén recolle berros contra a alcaldesa e indica que os manifestantes esperaron aos membros do Goberno local no exterior ata ás 21.45 horas.
“O Concello de Mos quere deixar claro que estes sucesos foron propiciados por 40 persoas (algunhas delas nin sequera censadas no noso municipio) que impediron que os 200 veciños de Mos que se atopaban na entrada do Multiusos puideran entrar a participar dun acto que, repetimos, era de interese xeral e estaba proposto con toda a transparencia para ofrecer información veraz sobre o proceso no se atopa o proxecto do Real Club Celta en Mos así como explicar a modificación puntual do Plan Xeral”, relata o Concello.