Na iniciativa parlamentaria, o BNG insta tamén á Xunta a rexeitar a autorización da modificación do Plan Xeral de Mos «para evitar unha desfeita social, ambiental e económica» e solicita unha moratoria na autorización de macrocentros comerciais.
Luís Bará pedirá explicacións, ademais, sobre o procedemento seguido polo Goberno Galego, «que ofreceu apoio público a un proxecto privado e de carácter lucrativo promovido por unha empresa privada».
Apoio á concentración do venres
O BNG de Mos trasladou unha invitación para asistir ao pleno do mércores en Santiago aos representantes das comunidades de montes e as traídas de augas afectadas. Ademais, o Consello Local anunciou o seu apoio á concentración convocada para este venres ás 20:00 horas na Praza do Concello de Mos, convocada pola Comunidade de Montes de Tameiga e as Comunidades de Augas de Casal-Tameiga, Petelos-Tameiga, Montebaixiña e Sanguiñeda.
Dende a presentación do proxecto, o BNG amosou a súa «oposición frontal á construción dunha cidade deportiva e unha gran superficie comercial nos montes de Cela, Pereiras e Tameiga. O compromiso medioambiental, a defensa do comercio local e os dereitos da veciñanza son cuestións prioritarias» para a formación nacionalista.