O pasado luns, a peña Colectivo Nós foi a primeira que se pronunciou oficialmente ao emitir un comunicado. Durante o partido ante o Panathinaikos, un sector da afección tamén quixo trasladar a súa preocupación a través de cánticos. «Mouriño, atende, o Celta non se vende!», corearon algúns celtistas o pasado xoves.
Agora, estas trece peñas móstranse preocupadas, xa que temen que o Celta poida perder a súa esencia ao pasar a estar dirixido por persoas que non «saben o que significa» a entidade céltica para Vigo e o conxunto de Galicia.
A continuación, reproducimos esta carta asinada polas trece peñas:
Carta aberta a Carlos Mouriño
«Ante a posible venda do noso clube a mans estranxeiras, as peñas abaixo firmantes queremos facer pública a nosa preocupación de que exista a posibilidade de que o noso clube pase a estar dirixido por xente que descoñece o que significa.
Nós non queremos impedir unha venda, da que vostede ten todo o dereito de facer o que queira, pero si queremos que teña en conta que a nós non nos gusta ser mercadoría. Só queremos que o noso clube continúe sendo un clube do pobo galego no cal nos sintamos representados, e os nosos valores sigan intactos, por iso cremos que si este clube pasa a mans estranxeiras, pouco a pouco perderemos a nosa identidade.
Por iso queremos deixar claro dende as nosas peñas que estamos en total desacordo con esa posible venda a mans estranxeiras».
Peñas asinantes: Arribada Celeste, Brenga Celeste, Preferencia Celeste, Peña Lío en Río, London Celtas, Celtistas de Ginebra, Tabernícolas, Tropas de Breogán, Peña Fortuna Celeste, PC Natxo Insa, PC do Ribeiro, Siareiros Dezaos e Zeru-Urdin.