Os colectivos “que por agora” compoñen esta comisión son a Comunidade de Augas da Baxiña, a Comunidade de Augas de Petelos-Tameiga, a Comunidade de Augas do Casal, a Comunidade de Augas de Sanguiñeda e a propia Comunidade de Montes Veciñais en man común de Tameiga.
Todos eles ratificaron de forma individual a súa total oposición ao plan do Celta. Aseguran que nas asembleas extraordinarias celebradas polos distintos colectivos o resultado foi “contundente”, chegando nalgúns casos ao rexeitamento “unánime”.
“É importante salientar que a motivación desta comisión é protexer a riqueza do noso pobo, como é un monte multifuncional, con aproveitamentos acuíferos, madeirables, frutais e mesmo de lecer, xa que o seu coidado é vital para as vindeiras xeracións”, advirten no comunicado, no que engaden que “a teima interesada pola construción deste centro comercial nos nosos montes non só conduciría a deforestación de toda a parroquia, senón tamén traería graves problemas de convivencia”.
Este problemas afectarían á tranquilidade dos veciños, ao abastecemento de auga, ao pequeno comercio e ao “xa tráxico drama do tráfico en Tameiga”.