Dende as agrupacións de afeccionados recórdaselle á Liga que esa xornada ten un compoñente familiar moi especial para a meirande parte dos seguidores do fútbol, que mesmo adoitan aproveitar para levar os máis pequenos da casa aos estadios. Así, as Federacións sinalan que o horario das 21.00 horas non só lle pon trabas a que os nenos poidan acudir a Balaídos, senón que ademais suporá tamén problemas para adultos, nunha noite tan sinalada e tradicional como é a de Reis.
Ademais, esta medida prexudica tamén os intereses dos afeccionados do Club Atlético Osasuna que, aproveitando os días de vacacións que se dan na véspera de Reis e no día 6 de xaneiro poderían ter previsto o seu desprazamento á cidade viguesa, o cal prexudica ademais o sector turístico e comercial de Vigo.
Os afeccionados do Celta e Osasuna consideran que o horario estipulado pola Liga é unha “auténtica falta de respecto”, que se une a “outras ocasións nas que a entidade que preside Javier Tebas ten posto os intereses económicos a curto prazo por diante dos seguidores”. Deste xeito, subliñan que accións como tentar xogar partidos ligueiros nos Estados Unidos ou levar a Supercopa a Arabia Saudí –como vén de decidir a Real Federación Española de Fútbol- non fai máis que afondar na “profunda falta de consideración” destas entidades polos afeccionados. Ao respecto, tamén critican que os restantes partidos do día 5 de xaneiro se van iniciar antes das catro da tarde, quedando totalmente descolgado o Celta-Osasuna.
Por todo isto, a Federación de Peñas Celtistas e Federación de Peñas Osasunistas urxen á Liga que dea marcha atrás e modifique o horario para que a xornada poida ser o que debe: un día de ilusión e ledicia para nenos e familias.