Segundo revelou o ente que preside Carmela Silva na súa páxina web, a fundación permitirá que os escolares poidan percorrer as instalacións do Museo do Real Club Celta de Vigo, “coñecer a súa hemeroteca e observar os audiovisuais que alí se gardan para descubrir a historia dun dos clubs deportivos máis importantes de Galicia”.
Ademais, tamén se persegue que as nenas e os nenos “pasen un día agradable practicando actividades deportivas coas súas compañeiras e compañeiros baixo a tutela de profesionais especializados”.
O convenio distribuirá, asemade, entradas para que xogadoras e xogadores das escolas de fútbol e escolas deportivas municipais poidan ver os partidos do Celta e bolsas ou descontos para que monitoras e monitores das escolas deportivas municipais da provincia poidan acudir a cursos que organice a Fundación Celta de Vigo.
Nestes primeiros seis meses de ano a Deputación aprobou convenios de patrocinio por valor de 900.000 euros co Balonmán Cangas, Balonmán Porriño, Atlético Guardés, Celta de Vigo, Pontevedra CF, Coruxo CF, Club Ciclista Froiz, Club Ciclista Rías Baixas, Asociación Deportivo Vincios, AMFIV, Gimnástica de Pontevedra e Fútbol Sala Poio.
Os doce convenios asinados cos clubs deportivos de elite da provincia intégranse na modalidade de patrocinio e están sometidos ó cumprimento de condicións e ó control financeiro.