Nunha recepción oficial celebrada na Delegación Territorial da Xunta en Vigo, na que estivo acompañado do seu pai, Fernando Costas, os representantes da administración autonómica felicitaron ao deportista e, sobre todo, destacaron o seu esforzo e espírito de superación tendo en conta a súa situación e historia persoal. “É un exemplo para moitos mozos e mozas galegos”, sinalaron.
Neste recente campionato que ven de disputar en Murcia, ademais de gañar a prata na proba de 200 metros mellorando a súa marca persoal cun tempo de 31,72 segundos, Fernando Costas alzouse co bronce nas probas de 400 e 800 metros con cronos de 1: 09,43 –mellorou tamén a súa marca persoal nun segundo- e 2:42,1, respectivamente.
Nacido en 1996, iniciouse no mundo do atletismo con 10 anos, cando participou na carreira popular de Baiona ‘Andar e Correr’. Pero foi xa no ano 2012 cando se iniciou no atletismo en pista ao aire libre. A partires de aí, xa en marzo de 2013 logrou éxitos e moi bos tempos nas probas do Campionato de España de Atletismo Adaptado por seleccións celebrado en Xátiva. Foi tamén subcampión no Campionato de España de Atletismo Adaptado en 400 metros celebrado en Huesca en maio de 2013 e, posteriormente, conseguiu o 3º posto no Campionato Estatal de Atletismo Adaptado IPC na proba de 400 metros celebrada en Basauri no mes de xuño dese mesmo ano.
Na actualidade forma parte do club Athletics Smooy Team e está inscrito en 3 federacións galegas: a de Atletismo, a de Discapacitados Físicos e a de Deportes de Persoas con Parálise Cerebral.