A alianza dos festivais das Rías Baixas, co apoio da Deputación, están a celebrarse con cifras récords que confirman á provincia de Pontevedra como un referente musical dentro do país. No marco destes #RíasBaixasFest chega a primeira edición do ViveNigrán, que nace co obxectivo de converterse nunha cita ineludible para os amantes da música en directo. Para logralo, este festival, que tamén é coñecido como Picnic Pop Festival, conta co privilexio dun espazo natural único e con concertos a pé de praia.
Este sábado, 26 de agosto, a partir das 11.00h, o campo de fútbol do Monte Lourido abrirá as súas portas a todo tipo de públicos, especialmente o familiar. Neste primeiro día os concertos comezarán ás 12.30h e terá como actuacións principais as de Joe Crepúsculo, Viva Suecia e Las Bistecs, este último é un dueto feminino que está considerado como o máximo expoñente do “electrodisgusting”, definido por elas mesmas coma a corrente artística que pretende molestar e non deixar indiferente a unha sociedade saturada de información.
Amais das actuacións musicais, este ViveNigrán 2017 fusionará diferentes experiencias para todas as idades: obradoiros, sesións de DJ’s, charlas e gastronomía. Todo isto nun enclave máxico, ao pé do areal de Praia América e do Monte Lourido. Haberá xogos ao aire libre, e unha grande oferta culinaria a cargo de foodtrucks, un market e charlas e obradoiros que completarán a oferta cultural deste denominado Picnic Pop Festival.
Neste penúltimo #RíasBaixasFest terá especial relevancia reivindicación da igualdade, pois o ViveNigrán 2017 aposta polo talento feminino, contando cun importante número de mulleres no seu cartel. Na despedida, o domingo 27 de agosto, os asistentes poderán gozar de actuacións femininas como a de “Da chick”, que dende Portugal xa se fixo un oco no panorama musical europeo.
En canto a igualdade, este festival será unha nova oportunidade para que se siga difundindo a campaña promovida pola Deputación “Eu decido ti respectas”. A través desta iniciativa, que tivo unha boísima acollida en todos os festivais do verán, o organismo provincial favorece unha campaña informativa entre a mocidade para sensibilizar, concienciar, informar e pór de manifesto que a violencia sexual é extensiva a todo acto sexual, á tentativa de consumar un acto sexual, aos comentarios ou insinuacións sexuais non desexados ou ás accións para comercializar ou empregar de calquera outro modo a sexualidade dunha persoa mediante coacción por outra persoa.
Outro dos eixes transversais dos #RíasBaixasFests que se volverá a pór de manifesto en Nigrán é a sustentabilidade. Isto será así grazas a campaña “#RíasBaixasFests + sostibles. Recolle, reutiliza, recicla”. Con este programa da Deputación todos os festivais contaron con numerosos recolectores de lixo perfectamente identificados cada un deles e espallados por todos os recintos, ao igual que acontecerá no ViveNigrán. Amais, tamén haberá informadoras e informadores ambientais, unha especie de «voluntariado verde» ou «eco-patrulla» que van reforzar o compromiso por converter os Festivais en eventos sostibles, sustentables e respectuosos co ambiente.
No relativo á programación musical, en total este primeiro ViveNigrán contará con catorce propostas independentes de referencia nacional e catro DJs que actuarán nos dous escenarios distintos: o escenario “Mahou” e o “Turismo Rías Baixas”. As expectativas son moi boas, pois a promoción de bonos a 10 € que se ofertou coas cen primeiras entradas esgotouse en só 48 horas, o mesmo que sucedeu co lote de entradas con desconto que se promocionou posteriormente. Agora, o prezo dos bonos para os dous días é de 15 € máis gastos de xestión, e as entradas para días soltos, tanto sábado como domingo teñen un custe de 10 € máis gastos de xestión.