O deputado de Turismo, Santos Héctor, salientou “o carácter innovador da xente que é capaz de levar adiante un proxecto tan ambicioso como o SonRías Baixas”, unha das citas que integran o circuíto dos #RíasBaixasFests da institución provincial, que “xa son uns referentes de turismo na nosa provincia”, salientou Santos Héctor. O alcalde de Bueu, Félix Juncal, sinalou “a visión de todas as institucións involucradas para apoiar o SonRías”, que o ano pasado viviu o seu récord de asistencia con 16.500 persoas e deixou un impacto económico na vila superior ao millón de euros.
O cartel deste ano “promete”, asegurou o deputado, polo que animou “a todas as persoas a que se acheguen a Bueu a desfrutar deste evento inesquecible”. Bandas e solistas como Estopa, Amparanoia, Ses, Narco, Dubioza Kolektiv, Zoo, Todos Tus Muertos, Wöyza ou Dakidarría serán as protagonistas desta 15ª edición que vén cargada de novidades.
Precisamente unha delas serán as pulseiras cashless, que “permitirán o acceso ao recinto e pagar en todos os puntos de comida, bebida e merchandising de todo o recinto”, segundo salientou o voceiro da organización do festival, Jordi Lauren, de xeito que serán o único método de pago aceptado. Así, SonRías Baixas ofrece ao público asistente a posibilidade de deixar o diñeiro en efectivo e as tarxetas bancarias na casa e será o primeiro festival galego en empregar esta tecnoloxía, baseada en chips RFID, que xa se implantou con éxito nos principais eventos culturais de Europa.
Ademais da música, SonRías Baixas ofrece unha ampla oferta no plano audiovisual coa proxección de seis curtametraxes de temática musical, o sábado 5, froito da colaboración co FIC Bueu. Estes filmes serán Freddie, de Andy Bausch; Cigarbox blues, de Christopher Kaufmann; Estribillo, de César Tormo; Superpunky, de Pablo Cacheda; Jarama, de Alberto Pla, e Zarpazo, de Nerea Castro. Ademais, ese mesmo día a praia de Banda do Río será escenario do restaurante “Casa SonRías”, no que os membros do grupo galego “Poetarras” serán quen se prepararán rodaballo guisado e angulas ao allo con gambón. Para a programación gastronómica, na que predominan os produtos da ría, SonRías Baixas conta co apoio de empresas como Pescanova, o restaurante O Rincón de Cela ou a marca Galicia Calidade.