O estilo musical do trío vai desde o abstracto ata o máis tradicional, onde os standards de jazz e a música popular cubana son levados á estética da improvisación libre, a través da cal a banda explora e extralimita a forma tradicional de tocar os instrumentos incorporando diferentes obxectos sonoros que enriquecen a súa linguaxe, son e performance.
No Canjazz van estar presentando o seu novo disco, «Diablito Baila», no que atopamos temas onde se recrea a sonoridade do órgano oriental recordando a estética rural dos campos cubanos, desde o changüí ata o mambo de Pérez Prado; Outros temas lévannos ás orixes do blues ou ás cores de Monk para sorprendernos co contraste de propostas próximas ao minimalismo que fan do directo unha fantasía artística.