O recital pon o broche final ao proxecto cun grupo que ensambla a poesía, a música e as artes visuais para ofrecer unha experiencia poética e de cine expandido. A banda, finalista nos Premios Martín Códax de música, ten como base os ámbitos literario e musical, xa que se trata dun proxecto orixinal da escritora Silvia Penas, vocalista do grupo, e o músico Jesús Andrés Tejada, guitarrista. Os integrantes do grupo complétano Pablo Muñiz, teclado, e Area Erina, videojockey.
Os seus concertos son unha experiencia de gran intensidade, na que se mostra unha reflexión poética acerca da vida e das formas de actuar do ser humano mesturado con montaxes en directo que crean unha escenografía visual diferente e integrada co espectáculo.
A iniciativa ‘Cinema e muller’ foi impulsada coa vontade de dar a coñecer o traballo de 70 mulleres que traballan no mundo do cine na provincia. De entre todas elas, dez foron as elixidas para a realización de curtametraxes que, posteriormente, deron forma a unha película colaborativa. As elixidas foron Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla.
A película proxectouse en Pontevedra e Vigo, entre os días 11 e 18 de marzo, ademais da realización de charlas e obradoiros sobre o papel das mulleres na vangarda das artes visuais. A iniciativa tamén contempla unha web na que se recolle os perfís das 70 mulleres cineastas da provincia.