O venres 13 de setembro a partir das 22:30 horas haberá actuacións de Airiños do Castelo, Böj e Algarabía. O sábado 14 de setembro ás 13.00 horas a sesión vermú contará cos concertos de Zurrumalla e Regueifas (Lupe Blanco e Bieito Lobariñas). Ás 17.30 horas comezará o espectáculo a cargo de Os Monifates (animación de rúa). Ás 19.00 horas Edel Duff ofrecerá un obradoiro aberto de baile irlandés. E ás 18.30 horas e 20.30 horas haberá Treboada-Pasarrúas no que actuará Treboada Baixo Miño.
Os concertos do sábado noite chegarán pisando forte coa Banda de Gaitas Atlántida de Matamá e Arume ás 21.30 horas, seguidos de Pepe Vaamonde Grupo e Airiños da Freba. Ademais, os intermedios durante o cambio entre concertos serán amenizados musicalmente neste caso pola Banda de Gaitas Airiños do Castelo.
Os asistentes a este festival contarán cun lugar para poder realizar acampada libre e así poder gozar dos dous días de concertos. A acampada, de balde, poderá facerse no Pavillón Patricia Martínez, xunto ao Colexio Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos.
O recinto contará no seu interior con varios camións de comida e dun bar para que ninguén pase fame e todo o mundo poida comprar de comer e de beber sen desprazarse nin saír do recinto. Ademais os postos de artesanía son xa unha constante dende a primeira edición.