Nesta edición, o certame comezará coa proposta musical do compositor e pianista estadounidense Uri Caine, en formato trío xunto a Kenny Davis e Clarence Penn. Logo, durante nove días consecutivos, a banda sonora da cidade virá da man de Abe Rábade, Marc Ducret, Santiago Quintáns, Carlos Bica ou Xan Campos, entre outros.
Na última xornada porá o peche ao festival un dos grandes directores de orquestra de jazz, fundador da icona do ‘free’, a Globe Unity Orchestra: Alexander Von Schlippenbach, co seu Monk’s Casino.
Ademais, esta edición conta con moita música feita en Galicia. Xa na segunda xornada do festival, o sábado 1 de xullo, Abe Rábade presenta en Vigo o seu traballo ‘Once’. O xoves 6 de xullo coinciden na xornada Alfonso Calvo Septet, que reúne a algúns dos músicos máis relevantes do panorama jazzístico galego, e na noite, na Rúa Londres, Alejandro Vargas Trío, presentando o seu disco ‘Diablito Baila’, nun concerto en colaboración coa Fundación SGAE. Xa o sábado 8 de xullo, no peche de edición, Xan Campos co seu proxecto ESD, un traballo que marca unha diferenza cos seus discos anteriores conducindo cara sons máis eléctricos, jazz-rock e psiquedelia.
Haberá máis jazz de proximidade nos concertos programados en clubs e no espazo público. Marosa Jazz Project no Vitruvia Café (30 xuño) e Javier Marcos Quinteto en La Casa de Arriba (4 xullo). En sesión diurna, máis jazz en diferentes prazas e espazos da cidade da man de grupos como David Puime Trío (2 xullo) e Electric Succory (8 xullo).
Nos concertos do MARCO coincidirán tres grandes intérpretes e compositores que desenvolven boa parte do seu traballo alén das nosas fronteiras: o saxofonista Albert Cirera (3 xullo), o frautista Julián Elvira (5 xullo) e o vigués Santiago Quintáns (4 xullo) coa súa guitarra eléctrica.
E, aínda que non é un habitual do Imaxina Sons, soará o latin jazz nesta edición. Co percusionista Yuvisney Aguilar, na noite do venres 7 de xullo na rúa Londres, nun concerto dedicado a Gonzalo Villar. Falecido o pasado mes de marzo, Villar foi un promotor e colaborador da música en directo, rexentando locais como El Malecón, Manteca ou Xancarajazz, centros de efervescencia musical diaria, que foron tamén espazos colaboradores de Imaxina Sons.
Actividades
Como é habitual, o festival contará co programa de actividades ‘Academia de Sons’ a desenvolver no MARCO por quinto ano consecutivo. Un convite á interactuación entre xeracións convidando a pequenos e maiores a experimentar ao redor da música e do jazz con incursións no audiovisual, nas artes plásticas, na tradición oral e na electrónica. A inscrición para estas actividades realizarase a través do servizo de Atención Cidadá 010, a partir do martes 20 de xuño.
As entradas para os concertos de pagamento (Auditorio Municipal e salón de actos do Marco), poranse á venda anticipadamente o xoves 15 de xuño no servizo de Ticketea, no teléfono 902.044.226 e na Central de Espectáculos.