Precisamente o deputado salientou o carácter solidario deste festival, que está incluído na marca Festivais Rías Baixas (ou #RíasBaixasFests) que a institución provincial está a impulsar a través de sete citas comprendidas entre os meses do verán. Revenidas, que é a última destas sete quendas, “sabemos xa de antemán que será un enorme éxito porque temos o precedente das 12 edicións anteriores”, salientou Santos Héctor, á vez que afirmou que dende a institución provincial “estamos encantados de apoiar este festival” e agradeceu “a labor da concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa”, Sonia Outón, “que nos instou a implicarnos moi activamente”.
A concelleira vilagarciá sinalou que “este é o ano máis internacional do festival Revenidas, que crece en cada unha das súas edicións” e tamén salientou que “Revenidas é o festival das linguas e, en concreto, da lingua galega, á que temos que defender, e este festival contribúe fortemente a iso” xa que se trata do festival de pago cunha maior programación de música en galego. Ademais, dende a organización agradeceron o apoio institucional prestado a Revenidas, “cousa que non é doado acadar”, e afirmaron que “grazas á súa presenza na marca Festivais Rías Baixas estamos a observar un aumento de repercusión moi grande”. Indicaron, do mesmo xeito, que aínda quedan entradas, mais aseguraron que o ritmo de venda está a ir “moi, moi ben”.
Revenidas ocupará a axenda cultural de Vilaxoán durante os días 19, 20 e 21 de agosto con 23 concertos e 35 actividades de balde pensadas para todas as idades, como o Xoubiñas Festi, dedicado aos cativos e cativas. Unha gran sardiñada popular, actividades náuticas, pasarrúas, obradoiros ou a Feira Revenida, entre outras, completan a oferta cultural do Revenidas, cuxo cartel conta este ano con importantes figuras do panorama internacional tales como o rapeiro brasileiro Gabriel o Pensador (o máis coñecido do país e grande activista social) ou a banda gipsy romanesa Fanfare Ciocarlia. Entre a oferta de bandas galegas, resaltan as bandas Familia Caamagno, Malandrómeda, Cuchufellos ou Os Tres Trebóns.
As entradas, que teñen un prezo de 17 € (20 € no despacho de billetes) por días soltos e 33 € (40 € no despacho de billetes) polo bono dos tres días, pódense adquirir a través do enlace ou da listaxe de tendas físicas dispoñibles na páxina web do Festival.