Durante o acto, Silva destacou “a singularidade deste festival, nunha ponte de ferro, que une dous países, e chea de pianos e de homes e mulleres esperando que sonen as notas, a harmonía, a música para inundar unha paisaxe extraordinaria e unir os corazóns das xentes do sur de Galicia e do Norte de Portugal”.
O IKFEM, concibido e dirixido pola pianista Andrea González, celebra este ano a súa quinta edición. Ata o 25 de xullo, todas as persoas interesadas na música, poderán gozar na eurocidade Tui-Valença deste festival cuxo fío condutor é a familia de instrumentos de teclado: piano, fortepiano órgano, organetto, clave, acordeón, zanfona, keytar e teclado electrónico. A través destes instrumentos ofertaranse, de xeito gratuíto, dende música medieval ata barroca, clásica ou electrónica, jazz, lírica, pop, indie, folk ou tamén o xénero sinfónico. Así, entre os artistas que compoñen a programación destacan Best Boy, Miguel Campinho, Emilio Villalba & Sara Marina, Graciela Rodríguez & Daniel Pereira, Joao Vaz, Ignacio Prego e Carlos César Rodríguez, e un longo etcétera.
Ademais dos concertos, IKFEM ten tamén unha parte formativa, a cargo de gran parte dos e das artistas que tocan durante o festival, e inclúe clases de piano clásico, órgano, clave, piano jazz, piano repertorista para canto e piano barroco.
Xunto á música, este festival pretende fortalecer as sinerxías entre a cultura portuguesa e a galega a través da música. Por ese motivo, a xornada inaugural transcorreu na ponte internacional que une Tui con Valença e tamén por ese mesmo motivo a Deputación de Pontevedra está a colaborar co IKFEM.