O recital, composto por obras de Mendelssohn e Trilho, terá lugar ás 20.30 h no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). As entradas poden adquirirse mediante as canles habituais de comercialización de espectáculos da entidade: a web Ataquilla.com e o teléfono 902 504 500. Ademais, a fundación galega ten en marcha unha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que supón unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.
PAUL DANIEL
É o director titular e artístico da rfg desde xaneiro de 2013, e encárgase tamén da dirección musical da Orquestra Nacional de Bordeos. Foi o principal director e conselleiro artístico da West Australian Symphony Orchestra de Perth e director musical da English National Opera e das óperas Factory e North. Entre os premios recibidos destaca un Olivier, un Gramophone, e a Cruz do Imperio Británico, coa que foi recoñecido nos New Year’s Honours de 2000.
TERESA NOVOA
Tras finalizar a carreira de piano en Galicia, trasladouse a Madrid para realizar os estudos superiores de canto no Real conservatorio da capital baixo a cátedra de Pedro Lavirgen, obtendo as máis altas distincións como premios de honra. Perfeccionou estudos con mestres recoñecidos como Montserrat Caballé, Jaime Aragall, Ileana Cotrubas ou Ian Baar, e repertorio vocal con Félix Lavilla e Miguel Zanetti.
REAL FILHARMONÍA DE GALICIA (RFG)
Iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á rfg desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director convidado, tamén dirixen a orquestra outros directores coma Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á rfg actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes coma Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.
Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así coma no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, O Brasil, A Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da rfg tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da rfg como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos e nenas co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A rfg está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).