As entradas están á venda a través das canles habituais da entidade, en Ataquilla.com ou ben no teléfono 902 504 500, para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Ademais, as persoas con 35 anos ou menos gozarán da oportunidade de conseguir as entradas na billeteira media hora antes de cada concerto a un prezo reducido coa finalidade de promover este tipo de espectáculos entre o público máis novo.
Dima Slobodeniouk
Combina as súas raíces rusas cos seus anos de estudos musicais en Finlandia. A unión destas dúas grandes tradicións musicais permitíronlle situarse, pola súa profunda formación e intelixencia artística, entre o máis destacado da nova xeración de directores musicais. De 2005 a 2008 foi director titular da Sinfónica de Oulu e, nas últimas tempadas, forxou novas colaboracións con compañías europeas e americanas. O seu completo repertorio abrangue desde autores como Rautavaara e Widmann ata Brahms ou Wagner. Desde 2013 Slobodeniouk é director titular da Orquesta Sinfónica de Galicia, nomeamento que supuxo un importante e decisivo cambio de imaxe e un impulso á presenza da Sinfónica de Galicia no ámbito internacional, así como unha aposta pola renovación do seu amplo repertorio musical.
Orquesta Sinfónica de Galicia
Creada en 1992 polo Concello da Coruña e con sede no seu Palacio da Ópera, a Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España. A OSG, cuxo director titular desde a tempada 2013-2014 é Dima Slobodeniouk e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación no 1998. Ademais, realizou varias xiras por Alemaña e Austria e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos españois. No 2007 realizou a súa primeira xira por América do Sur, con concertos en Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai e Montevideo e cara aos últimos meses do 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena. Conta habitualmente con solistas como Anne-Sophie Mutter, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Gil Shaham, Sarah Chang, Grigory Sokolov, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Maria João Pires, F. P. Zimmermann, Mischa Maisky ou Christian Lindberg.
Con ela cantaron Alfredo Kraus, Teresa Berganza, Plácido Domingo, María Bayo, Ainhoa Arteta, Juan Diego Flórez, Simon Estes, Mirella Freni, Ann Murray, Amanda Roocroft, Ildar Abdrazakov, Hildegard Behrens, Eva Marton, Giuseppe Giacomini, Philip Langridge, Carlos Chausson, Raúl Giménez, Isabel Rey, Carlos Álvarez, Ana María Sánchez ou Giuseppe Sabbatini, entre outros, sempre baixo a batuta de mestres coma Lorin Maazel, Daniel Harding, Guennadi Rozdestvenski, Maurizio Pollini, James Judd, Jean-Pascal Tortelier, Stanislaw Skrowaczeski, Libor Pesek, Peter Maag, Jesús López Cobos, Osmo Vänskä, Alberto Zedda, Emmanuel Krivine, Yoav Talmi, Raymond Leppard, Gabriel Chmura, Jean-Jacques Kantorow, Josep Pons, John Nelson, Gianandrea Noseda, Ron Goodwin ou Manfred Honeck.
Na súa discografía, para selos como EMI, DECCA, Koch, Naïve, BMG e Arts, figuran nomes como Juan Diego Flórez, Kaori Muraji, Peter Maag, Antonio Meneses, María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons, Ewa Podles ou Manuel Barrueco —con quen foi nomeada ao Grammy 2007 polo mellor álbum clásico do ano—.
A OSG foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e foi Premio Cultura Galega da Música no ano 2010. A OSG está financiada polo Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.