‘A Contraluz’ sintetiza todo o camiño percorrido pola artista na súa carreira. Sen desbotar as súas influencias, María Toro consegue crear a través da frauta unha linguaxe persoal que reparte en sete composicións provistas dun verniz innovador que aplica ao corpus flamenco e ás feituras do jazz.
Toro ten tocado con artistas da talla de Hermeto Pascoal, Ben Street ou Justin Brown, e nesta ocasión tamén estará acompañada por un elenco de luxo: Daniel García Diego ao piano, Reinier Elizarde ‘El Negrón’ ao contrabaixo e Shayan Fathi, na batería.
Mentres, a apertura da jam session (00.00 horas), que terá lugar novamente na Cafetería Plantaciones, estará protagonizada pola formación Majuju Trío. Tres músicos de Vigo cunha prometedora traxectoria musical: Martín Rodríguez ao piano, Juan Alonso ao baixo e Juan Guerrero á batería, serán os encargados de continuar coa festa do jazz ata a madrugada. Tras o seu concerto comezará a habitual jam session.