A Xunta de Galicia ofrece durante este semestre 15 actuacións escénicas en Vigo, que levarán danza, maxia e teatro ao Auditorio Municipal como membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). A programación deste circuíto cultural, organizada en colaboración co Concello, arranca este domingo día 6, ás 18,00 h., coa proposta de monicreques para público familiar Cris, pequeña valiente, da compañía andaluza El espejo negro.
Cris, pequeña valiente é a historia dunha nena transxénero que loita polo dereito a ser a persoa que é e sente. A posta en escena ten como obxectivo facerlle chegar ao público, a través de textos, música, baile e luz, unha creación na que a historia e as personaxes priman sobre o demais. A montaxe foi galardoada en diversos festivais de teatro o pasado ano.
A seguinte semana as funcións comezan o venres 11 con Illas desertas, de ArtesaCía, ás 20,00 horas. O domingo haberá unha tripla sesión de Os tres porquiños, de Migallas Teatro, ás 11,00, 12.30 e 18,00 h. Estas serán no escenario para bebés. A programación continúa o día 18 con Hotel Europa, de Señora Supina, e o domingo 20, con Tarzán, de Mar Mar Teatro, para público familiar. A carteleira de febreiro péchase o venres 25 con As que limpan, a nova proposta de A Panadaría.
O cartel de marzo ábrese coa coprodución do Centro Dramático Galego O’Péndulo, de Inversa Teatro. Nesa fin de semana, o domingo, haberá unha nova proposta para público familiar con Sopa de piedras, de Engruna Teatre. A continuación, o día 11, será a quenda de Ibuprofeno Teatro con Smoke on the water. A última sesión do mes dedícase á danza co espectáculo Bailar agora de Marta Alonso Tejada.
Abril arranca o domingo 3 con maxia, da man de Abarajar Producciones, con Volta a ilusión. Xa o día 22 volve o teatro con Gloria Nacional, de Teatro do Noroeste. As funcións do semestre o 29 de abri, Día Internacional da Danza, coa compañía Fran Sieira e a súa peza coreográfica DeMente.
Máis de 300 actuacións en 40 espazos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece nesta primeira metade do ano unha variada oferta cultural en 40 dos seus espazos asociados en todo o territorio galego. Sumará 329 funcións escénicas de 128 formacións, a meirande parte delas, galegas. Así, entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 propostas diferentes de teatro, música, danza, maxia e novo circo.
A Xunta de Galicia asegura que incrementou un 12,5% o orzamento con respecto a 2021 ao destinar 574.000 euros a este primeiro período da programación anual da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que se financia ao 50% coas entidades locais xestoras dos escenarios. Deste xeito, o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.
O calendario completo de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das webs de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).