Abrindo o acto, que se celebrou no restaurante Puerta 98 de Vigo, lugar habitual no que Laxeiro reunía aos seus amigos, o encargado de ler a acta oficial foi o Secretario do Padroado e neto do pintor galego, Carlos García-Suárez Otero, que dixo do seu avó que “Laxeiro foi valedor das artes plásticas sendo un dos Bos e Xenerosos”.
Interviron na entrega Manolo Bragado, director xeral de Edicións Xeráis de Galicia e editor de Méndez Ferrín, que fixo unha glosa do autor. “Xosé Luís Méndez Ferrín soñaba con Laxeiro, na narración dos seus cadros porque todos eles contaban historias”. “E un dos maiores renovadores da cultura galega”.
Un Méndez Ferrín emocionado argumentaba no seu discurso o “agradecemento á Fundación Laxeiro por recordarme, aínda que non me sinto merecedor deste premio”. Os cadros de Laxeiro contribuíron a formarme nas artes escénicas”. “ Sendo rapaz os seus cadros formaban parte dos meus soños. As súas cores, a súa luz, as súas historias enchían a miña imaxinación”.
Por último, pechaba o acto o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que, en calidade de presidente do Padroado da Fundación Laxeiro dicía que “algún día alguén escribirá sobre estes momentos, sobre estes encontros no tradicional xantar a Laxeiro, nos que homenaxeamos a personas tan importantes como Méndez Ferrín, do que me declaro permanente seguidor”.
Entre os máis de cen asistentes atopábanse persoeiros da vida cultural, política e empresarial galega, como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; os artistas Acisclo Manzano, Xosé María Barreiro, Antón Pulido, Silverio Rivas (Premio Laxeiro 2016) ou Xavier Magalhaes, entre outros.