Neste sentido, recordou ás 250 persoas e institucións culturais premiadas durante este periplo; uns persoeiros que, segundo explicou, dan nome e apelidos á historia da cultura galega contemporánea, “o cimento inmaterial do noso progreso”.
Ademais, o conselleiro recoñeceu o traballo dos membros da Fundación Premios da Crítica Galicia por seguir mantendo estes galardóns ao longo dos anos. Precisamente, no acto desta mañá proxectouse un audiovisual realizado pola Televisión de Galicia sobre a historia desta iniciativa, que naceu en 1978 auspiciada polo Círculo Orensán Vigués.
A maiores do conselleiro, na celebración tamén participaron o presidente da Fundación, Bieito Ledo; a presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Tamén se contou cunha actuación de Carlos Núñez.
Os Premios da Crítica de Galicia veñen recoñecendo cada ano desde a súa fundación a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. En concreto, actualmente outórganse en ata oito modalidades: creación literaria, investigación, música, iniciativas culturais, artes plásticas e visuais, artes escénicas, cine e artes audiovisuais e cultura gastronómica.