Romero presentou este mércores as liñas principais desta nova convocatoria nun acto no que estivo acompañado do alcalde de Vigo, Abel Caballero. O concurso mudou este ano a filosofía do patrocinio, de forma que suplirá o apoio económico de Abanca coa participación de varios colaboradores pequenos, que serán negocios privados ou fundacións culturais cos que se chegará a un acordo para a entrega de exemplares da obra resultante, ‘Relatos na Rúa’. “Así ampliarase a difusión dos libros e chegaremos a máis xente”, expuxo Romero.
Pola súa banda, nestas datas posteriores á celebración da Reconquista, Caballero sorprendeu a todos improvisando un relato curto que unía o Vigo do século XIX co Vigo actual e rematou indicando “e se queredes coñecer o final, teredes que buscalo no libro ‘Relatos na Rúa’”. O rexedor volveu a manifestar o seu desexo de presentarse ao concurso e felicitou á editorial polos seis anos de certame, pola súa “forma de transmitir a cultura” e polo “nivel intimista dos relatos”.
O xurado contará cun novo integrante, José Luis Mateo Álvarez, historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses. Ademais, estarán os xa habituais: a escritora Ledicia Costas, o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, os xornalistas Jacobo Buceta e Noelia Otero, a filóloga e poeta Patricia Meira e o profesor e escritor Julio Alonso, colaborador de VIGOÉ.
O xurado dará a coñecer os gañadores entre os días 27 de setembro e 4 de outubro e no mes de decembro realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro ‘Relatos na Rúa’ (cos relatos premiados e unha selección dos que máis teñen gustado).
O tema do relato será libre, pero, como en anos anteriores, Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso onde se salienta que “a cidade ten que ser parte transcendental do relato, un elemento destacado, como o son as personaxes ou a trama”.
Paixón pola Panificadora
A este respecto, Javier Romero, confeso namorado da Panificadora de Vigo, fixo unha petición expresa: “Aínda que non é unha condición, gustaríame que os relatos teñan presente a Panificadora. Invito a que escriban sobre o barrio alto do Casco Vello”.
De feito, a Panificadora, protagoniza un ano máis o cartel do evento, confeccionado por Natalia Umpiérrez (Pontevedra, 1982), licenciada en Belas Artes. Unha artista que se define como “ecléctica, infantil e máxica e moi interesada na ilustración”, tal e como queda patente no seu traballo.
Admitirase un único texto por autor, cunha extensión máxima de catro páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). Os orixinais deberán presentarse por correo electrónico á dirección certamenvigohistorico@gmail.com. Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador, un segundo premio de 500 euros e catro accésits de 200 euros cada un. As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web de Editorial Elvira (www.editorialelvira.com).