A resolución do xurado deuse a coñercer este venres nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a delegada da empresa Tressis en Galicia, Sara Alonso; o editor da Editorial Elvira, Javier Romero; e o xornalista Jacobo Buceta, como membro do xurado e que foi o encargado de dar a coñecer o nome dos premiados.
Curiosamente, entre os asistentes ao acto (ao que se invitaran a todos os participantes) atopábase a vencedora do certame, que non puido ocultar a súa ledicia e sorpresa. Á rolda de prensa tamén acudiron o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez; e o concelleiro de Comercio, Ángel Rivas.
En total presentáronse 203 traballos, pero non foron admitidos 33 por non cumprir as bases do concurso (principalmente por non desenvolverse a acción na cidade de Vigo). Desta forma, dos 170 relatos admitidos, 136 foron escritos en castelán e 34 en galego. En canto a xénero, bastante igualdade, aínda que houbo máis participación masculina: O 57 por cento dos candidatos ao premio son homes e o 43, mulleres.
Sobre a procedencia dos relatos, hai participación de case todas as comunidades autónomas, aínda que por suposto Galicia é a que conta con maior participación, e de forma moi especial Pontevedra e a cidade de Vigo. Ademais, recibíronse relatos de diferentes países, cunha maior presenza de países latinoamericanos. Así hai relatos procedentes de Arxentina, Venezuela, Cuba, Chile, Nicaragua, Colombia, República Dominicana, Costa Rica e Holanda.
O xurado desta terceira edición do certame está formado polo pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero Lago, a filóloga e documentalista Sonia González López e o profesor e escritor Julio Alonso, tendo este ano a insubstituíbel ausencia de Carlos Oroza.
O responsable da Editorial Elvira, Javier Romero, comezou agradecendo a colaboración do Concello de Vigo e da empresa Tressis, “porque sen eles sería imposible levar adiante este proxecto”. O editor indicou que despois de tres anos de vida do certame “xa temos máis de 500 traballos sobre Vigo e podemos dicir que xa cumprimos os nosos obxectivos, que eran dar a coñecer a nosa cidade e dar participación á xente. E a verdade é que a través dalgúns destes relatos podemos ver Vigo doutra maneira. Algúns destes relatos fan cidade”.
O alcalde de Vigo comezou destacando o traballo da Editorial Elvira “en proxectos culturais e de cidade” e o apoio da empresa Tressis, “porque sen a súa axuda difícilmente podería saír adiante”. Abel Caballero rematou felicitando á gañadora –“o título é verdadeira poesía”- e a todos e todas as participantes porque “cando escribes, ese relato é unha parte de nós, tanto do autor como da cidade”.
Pola súa banda, Sara Alonso, manifestou a ledicia da súa empresa por ser partícipe deste proxecto porque “Tressis é unha empresa que desenvolve o seu traballo en Vigo para toda Galicia, e nós consideramos que é unha obriga colaborar para mellorar á sociedade na que estás traballando”.
Jacobo Buceta explicou as dificultades que atopou o xurado para decidir os gañadores: “Foi unha moi dura deliberación, que nos obrigou a ter máis reunións das previstas para poder decidir o nome do primeiro premio”. Jacobo indicou que houbo un nivel altísimo e que puideron gozar con máis de 200 historias de viaxes, de ciencia ficción, cómicas, amorosas, que “nos permitiron viaxar dunha forma diferente por Vigo”.
O tema do relato é libre, pero a acción debe desenvolverse na cidade de Vigo. Hai un primeiro premio de mil euros -dos que se deducirán automáticamente as retencións que estipula a lei- para o gañador e ata 5 accésits de 200 euros cada un, coas deducións correspondentes. No mes de decembro realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro III Relatos na Rúa (cos relatos premiados e unha selección dos mellores).
RELATOS PREMIADOS III CERTAME VIGO HISTÓRICO
Primeiro premio:
Nunha maleta caben todos os ventos (Mª Carmen Pereiro Oliveira)
Accésits:
Sereo (Pilar Ortega Pereiro)
Xente do mar (Lidia Gregorio Selas)
El florón (María Comesaña Romero)
Charcos (Miguel Pereira Rodrigo)
La chica del violonchelo (Urbano Barrios Santamaría)