O centro escolar inaugurouse no ano 1976 como Universidade Laboral de Vigo, dependente, naquela época, do Ministerio de Traballo, e cunha extensión total de 150.000 (cento cincuenta mil) metros cadrados. Co establecemento das autonomías e as transferencias en materia educativa, a Universidade Laboral de Vigo pasou a denominarse Centro de Ensinanzas Integradas (CEI) e adoptou o nome de “Manuel Antonio” a proposta do entón profesor Manuel Castelao. Deste xeito, o nome de “Manuel Antonio” consérvase dende esa época aínda que cos anos foron mudándose as especialidades educativas e na actualidade é un centro integrado de formación profesional: CIFP “Manuel Antonio”. Hoxe, o instituto está adicado exclusivamente á impartición de ciclos de Formación Profesional das familias de Hostalaría e Turismo, de Téxtil, de Industrias Alimentarias, de Sanidade, e de Química, cunha ocupación que supera as mil cincocentas persoas matriculadas.
Manuel Antonio Pérez Sánchez, máis coñecido como Manuel Antonio, foi un personaxe de vida breve, pois morreu con trinta anos (12- VII – 1900 / 28 – I – 1930). É coñecido como “o poeta do mar”, estivo vinculado coas Irmandades da Fala e co galeguismo máis progresista da súa época, foi un dos asinantes do manifesto “Máis alá”, e sigue sendo un dos personaxes máis influíntes da poesía e do pensamento galego. Na súa casa natal de Rianxo existe un importante museo —de visita obrigada— que foi montado baixo o brillante asesoramento de Xosé Luis Axeitos, membro da Real Academia Galega e auténtico erudito da vida e da obra do poeta rianxeiro.
O acto de homenaxe a Manuel Antonio comezou cunha conferencia a cargo de Xosé Luis Axeitos sobre a obra “De catro a catro”, de Manuel Antonio. Logo inaugurouse unha exposición fotográfica permanente titulada “Galegas e galegos de hoxe”, consistente nun conxunto de fotografías de persoas destacadas en diferentes campos como a industria, a gastronomía, o deporte, a literatura…, que poden servir de referentes para o propio alumnado. Forman parte desta exposición, por exemplo, Antón Pulido, Bieito Ledo, Luis Liz, Lucía Freitas, Susana Rodríguez e Uxía Blanco, ata un total de vinte unha persoas.
O acto contou, tamén, coa presentación do libro “Manuel Antonio e mais nós. Homenaxe a Manuel Antonio”, con portada de Antón Pulido —que pode observarse na fotografía—. Este libro, editado por Hércules Edicións, é unha obra na que participan máis de sesenta persoas con prosa, poesía, fotografía, pintura, e incluso música e a receita do cóctel bautizado como “Manuel Antonio”, formulado ad hoc por José Soto, xefe de hostalaría do Casino de la Toja.
Entre os participantes figura Alonso Montero, María Xosé Queizán, Antonio García Teijeiro, Méndez Ferrín, Ledicia Costas, Inma López Silva, Anxo Tarrío, Francisco Castro e Alberto Bargiela. Despois inaugurouse unha exposición monográfica sobre a figura de Manuel Antonio, con numerosas fotografías de toda a súa vida, obras facsímiles donadas pola Fundación Barrié, e obxectos orixinais prestados, transitoriamente, pola mencionada Fundación Barrié, polo Museo “Manuel Antonio”, de Rianxo, e por Xosé Luis Axeitos. Finalmente, serviuse un aperitivo no que presentouse o cóctel “Manuel Antonio” a cargo do barman José Soto.
Os numerosos asistentes disfrutaron do acto no que tamén interveu o grupo de gaitas “Ruada de Torroso”, que interpretou varias pezas e o himno galego, e un dúo de jazz que encargouse do fondo musical durante o aperitivo. Todos os participantes no libro foron agasallados cun exemplar do libro e cunha serigrafía dunha serie numerada e limitada da portada, grazas á xenerosidade do seu autor: Antón Pulido.
Precisamente, os organizadores do evento insisten en que este non tería o mesmo peso nin o mesmo contido sen o asesoramento e sen a enorme axuda de Antón Pulido, a quen están moi agradecidos. Pola súa banda, os representantes dos medios de comunicación deron boa conta deste acto de homenaxe realizado polo CIFP “Manuel Antonio”, que resultou brillante, así como da presentación dun libro que xa é histórico: “Manuel Antonio e mais nós. Homenaxe a Manuel Antonio”.