Unha das novidades que o concurso presentaba este ano consistía no feito de que o contexto encol do que tiña que pivotar a trama dos textos ampliábase do Casco Vello de Vigo, como acontecera na primeira edición, ao resto das parroquias da área metropolitana da cidade.
O amor e os desafectos, tramas policiais, as viaxes e o surrealismo onírico… a temática dos relatos, de carácter libre, estivo a miúdo este ano tristeiramente vencellada a temas de actualidade como a crise, o maltrato conxugal, os desahucios e a desafección cidadá con respecto aos políticos.
A relación dos relatos gañadores publicarase na páxina web da Editorial Elvira (http://www.editorialelvira.es); co texto gañador, os accésits, e mais cunha selección dos mellores traballos, elaborarase o segundo libro de Relatos na Rúa, que se distribuirá e comercializarase polos diferentes establecementos da Federación de Comercio Vigo Histórico e Zona Centro.
Os organizadores do Certamen desexan destacar o feito de que se presentasen para esta edición unha cantidade significativamente maior de relatos que con respecto á primeira, «o que constitúe, sen dúbida, un síntoma inequívoco de que o concurso estase a consolidar, mesmo no que supón tan só o seu segundo ano de existencia; iso —engaden— motívanos á hora de prantexarnos artellar unha hipotética terceira edición para o futuro».