Trátase dunha selección fotográfica feita, en palabras da mesma Legaspi, “desde a mirada dunha cusqueña de nacemento e galega de corazón”. É un reencontro coas xentes, a natureza e as cores do mundo andino tradicional e actual, coa chakana, símbolo dos pobos andinos, como elemento central. Tamén co qantu, flor típica do Perú, as salinas de Maras, os chullus e traxes típicos das comunidades, os alcaldes e nenos tocando o pututu no mercado tradicional de Pisac, as rúas de Cusco, os rostros andinos…
Unha exposición chea de cor e alegría, propios dos pobos indíxenas andinos e da visión das persoas cando ollan as súas orixes. Só se inclúe unha única fotografía en branco e negro como homenaxe aos nenos que, como o Daniel, traballan nas rúas de Cusco para axudar á súa familia e poder estudar.
A mostra, que é de entrada libre e permanecerá aberta ata o 7 de abril, procura lembrar que as orixes son parte dos seres humanos e que non se deben esquecer, con todas as contradicións que poidan ter.