Trátase dunha vintena de imaxes captadas polo reporteiro ferrolán Rober Amado, gañador do certame ‘Imaxes con fondo’ ou o premio Tiflos da ONCE, e que pasou un mes visitando boa parte dos proxectos alí apoiados polo Fondo (coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos como parceiro local).
Froito do seu percorrido por media ducia de illas son as imaxes protagonizadas polas persoas beneficiarias destas intervencións, retratos da vida cotiá que en conxunto achegan ao espectador á realidade do arquipélago.
Desde 2002, o Fondo Galego cofinanciou no país lusófono máis de 30 proxectos de cooperación en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias.
O Concello de Nigrán e o Fondo Galego completan esta exposición que da testemuña da irmandade Galicia-Cabo Verde co concerto o sábado ás 20.30 horas no Campo das Redes (Panxón) de Batuko Tabanka e Cantares do Brion. O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, trata nas súas cancións temas como a emigración, a identidade ou a situación da muller. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións.
Cantares de Brión
Por outra banda, o Coro galego Cantares do Brión, integrado por 50 persoas dirixidas por Pablo Rial Salgueiro, posúe un repertorio extraído da tradición musical galega, prestando tamén atención especial a novas composicións sobre poemas de autores galegos. Entre os seus propósitos principais están a interpretación, divulgación e restitución da música coral tradicional galega con acompañamento instrumental, así como o uso e divulgación do traxe tradicional, sendo obxecto de atención especial e de emprego habitual o idioma galego.