O espectáculo musical «Fíos do querer», da man de Cé Orquestra Pantasma, vai ser o punto de partida da programación de outono do programa «Vigo arrólate», de dinamización ling?ística da primeira infancia, que incluirá contadas, actividades formativas e lúdicas nos meses de novembro e decembro.
Este espectáculo, destinado a nenas e nenos de 0 a 3 anos, preséntase como un espazo de encontro para xogar, cantar e bailar coas nenas e nenos de colo, no que a rapazada e as súas familias son os protagonistas, a través da música e do xogo.
Paseniñamente iranse debullando as sinxelas e agarimosas cancións que forman o traballo homónimo de Cé Orquestra Pantasma, e que axudarán a estimular a sensibilidade musical, o ritmo, a oralidade en lingua galega e a interacción da rapazada e as súas familias.
Ao remate do espectáculo-obradoiro haberá tamén un espazo de xogo libre, con material natural non estruturado, denominado Terra. A actividade é de balde e non é precisa a inscrición previa; as prazas ocuparanse ata completar a capacidade.