Baixo a dirección de Ana Vallés, unha das directoras máis emblemáticas do teatro galego, asumen un novo debate sobre a vida e a morte, nunha obra que dende a súa publicación en 1962 teñen abordado distintas xeracións. Esta proposta do teatro do absurdo desdebuxa a liña entre o actor e o personaxe, entre a realidade e a representación nunha sátira política na que o rei se aferra á vida, ao tempo que se aferra ao poder.
A obra ofrece tamén unha ollada sobre o xénero na nosa sociedade nunha posta en escena na que Fernando Dacosta interpreta ao rei Berenguer I, Fina Calleja a Margarida, primeira muller do rei; Sabela Gago ao médico real; Nate Borrajo a María, segunda muller do rei; e Alfonso Míguez a Alfonso, súbdito.
Así ao longo de 70 minutos, e en ton de comedia, a obra achéganos á figura do rei Berenguer I que construíu un mundo a súa medida. Crese atemporal e non é quen de aceptar a verdade de que o final da súa vida está preto. Pensa que se trata dun pesadelo e non deixa de dar ordes coma quen o pode controlar todo. A súa muller e o seu médico tentan convencelo de que acepte a crúa verdade.
As entradas, con prezos entre 4,5 e 6 euros, están á venda en www.culturatui.info ou no despacho de billetes.