O rexedor participou na mañá deste xoves na presentación do espectáculo «La Gran Ilusión» do Mago Pop que chega ao Auditorio Mar de Vigo os días 24, 25 e 26 de xuño e dixo sentirse «privilexiado» por poder estar ao carón deste ilusionista, Premio Nacional de Maxia e estrela televisiva da canle Discovey Max. Por iso, convidou a toda a cidade a acudir ao espectáculo que fará gozar a grandes e pequenos.
Antonio Díaz, o Mago Pop, dixo sentirse «ilusionado» pola posibilidade de compartir «La gran ilusión» co público vigués e anunciou que será un espectáculo no que asume riscos e que inclúe manipulación de obxectos, humor e unha gran selección musical. O produtor do mesmo, José María Cámara, adiantou que se trata dunha función «que seduce», que leva sumados xa medio millón de espectadores en España, sendo un dos máis exitosos de Europa neste ano, con prezos asumibles para as familias e con participación do público.
«La Gran Ilusión» ofrece cinco funcións no Auditorio Mar de Vigo: o venres 24 de xuño, ás 21:00 horas, o sábado 25 ás 19:00 e ás 22:00 horas da noite e o domingo 26 de xuño ás 17:00 e 19:30 horas.