Esta asociación dedícase a realizar labores de acompañamento e de socialización para evitar a soidade nas persoas maiores que viven soas. As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com, tamén para colaborar mediante a Fila 0.
Esta farsa en tres actos e epílogo, adaptada polo director do grupo, Víctor Díaz Barús, satiriza sobre o amor e a morte de tres vellos imprudentes mediante a combinación de texto, música e canto.
Tres amores tardíos, tres vellos que namoran de tres rapazas aos que darán vida os actores e actrices do Grupo de Teatro Sénior de Afundación despois de meses de preparación e ensaios.
O grupo de teatro sénior
O grupo de teatro do Espazo +60 Afundación da Coruña formouse no ano 1984, cando un grupo de socios e socias afeccionados se reúnen e comezan a dar os seus primeiros pasos representando monólogos e obras curtas. Coa axuda do seu profesor e director, Víctor Díaz Barús, ese mesmo ano debutan cunha obra de ‘Molière’ e organizan o I Encontro de Grupos de Teatro.
Na actualidade está integrado por 21 actores e actrices de idades comprendidas entre os 60 e os 90 anos. Algúns dos seus compoñentes participaron en varias series de televisión como ‘Mareas Vivas’, ‘Libro de familia’ ou ‘Serramoura’, en películas como ‘O lapis do carpinteiro’ e en diferentes anuncios publicitarios. Durante a súa traxectoria, o grupo ten recibido numerosos premios en certames de teatro afeccionado, tanto no ámbito galego como nacional.