O filme elixido é ‘A Story from Africa’, do mítico realizador afroamericano Billy Woodberry, un dos directores principais de L.A. Rebellion. Con esta película experimental, Woodberry trata de desatar a violencia que conteñen as imaxes así como de subverter o que a primeira vista sería entendido como unha mirada colonialista. O director estará presente no acto inaugural e terá un encontro co público ao finalizar a proxección.
Posteriormente, arrincarán as proxeccións dunha das retrospectivas que este ano dedica o festival. Será a película dirixida polo cineasta e pai do cinema independente filipino, Kidlat Tahimik, que asistirá á presentación e ao posterior coloquio para falarnos da súa película, ‘Quen inventou o yoyó? Quen inventou o vehículo lunar?’ (1978). Nela Kidlat Tahimik asóciase cun grupo de nenos nunha granxa bávara para construír un foguete espacial. O obxectivo é ir á lúa para comprobar se é posible xogar ao yoyó na súa superficie. Como sinalan algúns dicionarios, o yoyó é precisamente un invento filipino. É así como a granxa alemá convértese na base do primeiro Proxecto Oficial Filipino Lunar ou P.O.M.P (siglas de Philippine Official Moon Project).
Nesta edición, unha vez máis, visitarán a cidade galega creadores de todo o mundo e auténticos referentes do cinema internacional, que virán presentar os seus traballos e a ter encontros cos asistentes apostando unha vez máis pola proximidade e a conexión do público cos invitados do festival.