O acto, que segue os obxectivos do certame de espallar o cine por toda a cidade, quere achegar aos veciños e veciñas de Vigo a folga histórica que se viviu na comarca en plena época franquista e na que tanto Coia como Teis acadan unha especial relevancia.
A cinta foi nomeada aos Mestre Mateo e atópase entre as cen películas españolas máis vistas do ano.
Argumento
En 1972 e en plena ditadura, Vigo comeza unha folga xeral de dúas semanas que consigue parar toda a cidade e a súa comarca.
O detonante deste parón histórico será o despido de cinco traballadores de Citroën despois de esixir unha redución da xornada laboral a 44 horas semanais e non ter así que traballar o sábado pola tarde.
Debido ás represalias tomadas pola empresa, o 11 de setembro comezan as manifestacións dos traballadores de Citroën e Vulcano para pedir a readmisión dos operarios e, poucos días despois, sumarase practicamente a totalidade da clase obreira das grandes compañías viguesas.