Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata ‘Premio Pepe Puime’, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao festival e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, á actriz Isabel Blanco, unha teimuda defensora do festival desde as súas primeiras edicións, e aos veciños Constante Romero e Chelo Casalmorto, propietarios do coñecidísimo ‘Cuberto de Chelo’, no que se proxectan as curtametraxes a concurso do festival.
Todos eles recollerán o seu premio na ‘Noite das Homenaxes’, que se celebrará o venres 25 de maio no Torreiro de Cans. O acto rematará coa colocación de estrela de Chelo Loureiro.
Por outra banda, a venda de entradas para as distintas proxeccións do festival continúa a bo ritmo. Tras esgotarse os pases para poder ver ‘Casamance, la banda sonora de un viaje’ en menos de 48 horas, agora mesmo quedan menos de vinte entradas para poder ver as curtametraxes que forman parte de ExtraCans, a nosa nova sección internacional.