A convocatoria estará aberta ata o día 5 de marzo e a ela poderán concurrir curtametraxes, videoclips e calquera tipo de peza curta dirixida por realizadores ou realizadoras galegas ao longo dos anos 2016 e 2017. Nas últimas edicións, a recepción de pezas audiovisuais para participar na sección a concurso do Festival foi crecendo de xeito progresivo, chegando a superar na pasada edición as 200 obras presentadas.
Este ano, a organización repartirá 6.900 euros en premios -dos que 2.000 serán para a curtametraxe gañadora do Premio do Xurado-, contía que se viu incrementada na pasada edición. Deste xeito, o Festival de Cans, reivindica o seu obxectivo de apoiar aos novos e novas cineastas e que o premio supoña unha motivación para poder continuar as súas traxectorias no futuro. Ademais da cantidade en metálico, os premiados e premiadas recibirán o célebre Can de Pedra deseñado polo artesán da pedra Paco Candán.
As curtametraxes e videoclips a concurso deberán inscribirse a través da plataforma dixital www.festhome.com e as bases ao completo poden descargarse na web do Festival de Cans.
«Cans todo o ano»
O próximo domingo, 15 de xaneiro, retomarase na Sala Ingrávida do Porriño o ciclo «Cans todo o ano» que promoven o Festival de Cans e o Cineclube Rebobina. A peza a proxectar será o documental Ponme a última, sobre a memoria dos bares de Cans que están pechados. Nun emotivo traballo, varios veciños e veciñas van lembrando as súas vidas asociadas ao traballo en bares que foron durante décadas lugar de encontro e reunións. O documental foi realizado durante varios meses por un grupo de veciñas e veciños de Cans de varias idades e coordinado polo realizador Juanma Lodo, dentro dun proxecto promovido polo Festival de producir pezas propias e rescatar a memoria dos maiores da aldea. A hora da proxeción será as 19,00 horas e a entrada custa 3,5 euros. Pódese reservar a entrada previamente na propia sala.
Financiamento
Ademais de desenvolver novas actividades, a Asociación Arela segue traballando tamén no peche do orzamento do Festival. Agora mesmo ten solicitadas reunións co Concello do Porriño e coa Deputación de Pontevedra para tratar de pechar canto antes un orzamento definitivo que permita afrontar con garantías unha nova edición. Do mesmo xeito, desde a organización trabállase na incorporación de novos patrocinadores privados que poidan colaborar co Festival. As persoas interesadas poden contactar coa organización escribindo un correo electrónico a patrocina@festivaldecans.com ou a través das redes sociais do Festival de Cans.
Contías e premios
a. Premio do xurado á Mellor Curtametraxe: 2.000 euros e Can de Pedra.
b. Premio do público á Mellor Curtametraxe: 1.500 euros e Can de Pedra.
c. Premio do xurado á Mellor Curta de animación: 1.500 euros e Can de Pedra (3).
d. Premio do xurado ao Mellor Guión: 300 euros e Can de Pedra.
e. Premio do xurado á Mellor Realización: 300 euros e Can de Pedra.
f. Premio do xurado ao Mellor Videoclip: 500 euros e Can de Pedra.
g. Premio do público ao Mellor Videoclip: 300 euros e Can de Pedra.
h. Premio do xurado dos veciños á Mellor Curta: Can de Pedra.
i. Premio do xurado ao Mellor Actor: 250 euros e Can de Pedra.
j. Premio do xurado á Mellor Actriz: 250 euros e Can de Pedra.
k. Premio do xurado a Mellor Banda Sonora Orixinal: Can de Pedra.