A selección, que terá dous pases o sábado 26 na Casa de Mari, é ben variada e recolle a riqueza de fórmulas presente no Festival habitualmente a través de nove curtametraxes. Así, atopamos por unha banda aproximacións ao documental dende unha perspectiva social, como ‘Marxes’, de Sara Chuerches (que celebrará a súa estrea absoluta en Cans); ou ‘La mujer invisible’, a curta de Noemí Chantada gañadora de tres premios en Curtocircuito, froito dunha longa e sensible investigación sobre mulleres en situación de prostitución.
Por outra banda, hai na escolma pezas que traballan con material etnográfico como ‘Salitre nas veas’, de Adrián Canoura; ‘Rapa das bestas’, de Jaione Camborda; ou ‘Charkpen’ (esperanza) de Paulino Cadórniga. Se esta última ten un espírito fotográfico no seu rexistro dos pobos indíxenas Selk’nam en Arxentina e Chile, as curtas de Canoura e Camborda empregan recursos experimentais para achegarse ao traballo dos mariñeiros e á citada rapa das bestas respectivamente.
Esta experimentación estética é común a pezas como ‘Forest’, de Guille Vázquez; ou ‘Tiempo’, de Alicia Alonso, que tamén se verá por primeira vez no festival. Completan a selección dous filmes encadradas en proxectos ambiciosos dos seus autores: ‘Americano’, curta de Fon Cortizo sobre Emanuel Xavier, unha das voces máis representativas da escena Spoken Word de Nova York, que é parte do seu traballo prolongado arredor de poetas e o seu proceso creativo.
Por último, ‘Europa’, de Hugo Amoedo, forma parte dunha ‘Triloxía Belga’ deste cineasta galego que utiliza o formato do diario fílmico e que xa pasou por Zinebi, Alcine ou o OUFF.
As entradas para FuraCans están dispoñibles en tenda.festivaldecans.com a un prezo de 5 euros, e poderán retirarse durante o festival no posto de merchandising. Estas entradas darán acceso a un dos dous pases de Furacans, que terán lugar o sábado 26 de maio na Casa de Mari, ás 17.00 horas e ás 20.30 horas. O aforo é reducido, limitado só a 100 entradas para cada pase, polo que se recomenda adquirilas axiña.