Neste novo evento abriuse a convocatoria a traballos audiovisuais para dar visibilidade a obras galegas, pero tamén a filmes nacionais e internacionais. Así, o Galician Freaky Film Festival recibiu máis dun cento de pezas de diferentes países de Europa e América dos que, finalmente se seleccionaron un total de 38 curtametraxes.
A programación repartirase en sete bloques divididos por temáticas tan diversas como o humor, o cine fantástico e ciencia ficción ou o terror. Todas elas cun claro compoñente friki e de serie B.
Cómpre salientar tamén que, das 38 curtas, só unha non forma parte das obras a concurso: ‘Kung Fury’, de David Sandberg. Unha mediometraxe de orixe sueco que Juan de Castro, o director do festival, recomenda ver por ser unha “das maiores frikadas, horteras e oitenteras dos últimos tempos”.
Actividades paralelas: da exposición de ‘horror art’ aos concertos
Ademais das proxeccións, terán lugar diferentes actos paralelos entre os que destaca a mostra de Josef Méndez do que, Miriam P. Álvarez, axudante de dirección do festival, afirma que é “un artista vigués de ‘horror art’” que está a mover os seus traballos por todos os certames de terror ao redor mundo”.
Igualmente, haberá un oco para a música. Así, no día da inauguración, o vigués Joao Tomba e a súa Orchestra TDK Chrome fará mover o esqueleto a todos os asistentes a partir das 21.00 horas na sala Videodrome, antes do segundo bloque de programación. Xa o venres collerá o relevo o DJ Home Elefante, quen pinchará unha selección de grandes éxitos frikis.
Finalmente, a clausura irá da man do dúo Alféizar, moi coñecidos na cidade, e que, en palabras do Home Elefante, a ‘guest star’ do festival, “comulga perfectamente cos nosos principios por ser tan gamberros e horteras”.
‘Gaming’ e cervexa propia
O ‘gaming’ é outra das pezas fundamentais que formarán parte do festival. Deste xeito, habilitarase unha zona especial dentro da sala para dúas máquinas arcade antigas e que sen dúbida satisfarán aos xogadores máis nostálxicos.
E, para animar o ambiente, poderase consumir unha cervexa propia e moi especial elaborada en exclusiva pola fábrica de cervexas artesás Nós.
Votación popular cun ‘aplausómetro’
Os gañadores das curtametraxes á concurso decidiranse mediante unha votación popular do máis orixinal: un ‘aplausómetro’ feito ‘ad hoc’ para o festival polo que, ao remate de cada obra, o público deberá botarlle ganas e implicarse ao máximo se quere que o filme pase a estar entre os favoritos da primeira edición do certame.
En definitiva, un festival que, durante tres días encherá a sala Videodrome de actos, música, cine, cervexa e videoxogos para conseguir que Vigo se converta na capital friki de Galicia e o certame se consolide como un evento de referencia na comunidade e fóra dela.