A primeira longametraxe en proxectarse será ‘Tódalas mulleres que coñezo’ de Xiana do Teixeiro, un documental que recolle as vivencias de diferentes mulleres que evidencian o masculinizada e violenta que segue sendo a rúa a día de hoxe.
A través de tres conversacións reveladoras con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, a directora busca articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento.
A película púidose ver dentro da sección oficial do Festival de Málaga ou en Documenta Madrid. Á proxección acudirá a viguesa Noemí Chantada, directora de fotografía do filme e será ás 20:00 horas no auditorio municipal.
Ás 22:00 horas, tamén no Auditorio do Concello, será o momento de ‘Invierno en Europa’ de Polo Menárguez, unha película documental que narra a dura vida dos inmigrantes afgáns en Belgrado (Serbia) e o seu soño de cruzar a fronteira ata Hungría fuxindo do frío extremo. Este filme obtivo a mención especial na Seminci de Valladolid.
As entradas para estas dúas películas poderanse adquirir no despacho de vendas do auditorio do Concello desde media hora antes do inicio das proxección e a un prezo de 3’50 euros cada unha.
Doutra banda, e de xeito case simultáneo, darán comezo os bloques de curtas lusófonas no Instituto Camões a partir das 19:30 horas. Ademais das proxeccións, poderase participar nun coloquio con varios dos cineastas involucrados nas producións. A entrada para cada bloque terá un custo de 2’50 euros e poderase adquirir no Instituto Camões desde media hora antes de que comece a proxección.