A festa comeza ás 17:30 horas no Espacio Mahou en Progreso 41 no encontro profesional «unha Mahou con CREA», a Asociación de Realizadores e Directores de Galicia, onde Pablo Fontenla conducirá unha palestra chamada: ‘Sobrevivindo sendo un Galician Freak: realidade ou ficción’.
Tras isto, ás 19:00 horas, chegará o momento de iniciar as proxeccións no primeiro bloque de curtas: ‘Serán de humor Freak Vol.1’, no que se poderá gozar de catro pezas escacharrantes nas que destacan ‘Le défi du rade…’ do francés François Zaïdi ou ‘Maldición Fatal’ do galego Alberto Guisande.
Despois de matarse a rir, ás 20:00 horas virá a presentación da súa exposición por parte de Alberto Hortas. Para acto seguido dar paso ó segundo bloque de curtas da tarde: ‘Que carallo é isto?’ Unha selección de pelis a medio camiño entre o absurdo e o inexplicable nas que destacan ‘La persistente’ da francesa Camille Lugan ou ‘Helsinki 79’ de Pablo Fontenla.
Nada máis rematar o segundo bloque terá lugar un dos momentos máis esperados polos fans do GFFF. De novo será o momento de Hortas para facer unha demostración en directo mostrando como crea as criaturas máis terroríficas, as cicatrices máis realistas e as caracterizacións máis abraiantes.
O fin de festa na segunda xornada da #2 Edition do Galician Freaky Film Festival será co bloque: ‘Noite de arrepío’. Unha hora repleta de curtas dun dos xéneros máis queridos polos fans do festival: o terror. Filmes coma a francesa ‘Midnight Talk’ de Raffael Oliveri, ‘El ático’ do realizador dos Países Baixos Nico Van Der Brink ou a española ‘A little taste’ de Victor Catalá poñerán punto final a unha tarde chea de puro fulgor friki.
Exposición
Ademais das tres horas de pelis underground, de serie B e do terror que mesmo te fai rir ou chorar en cuestión de segundos, todos os que se acerquen ata a Sala Videodrome (Velázquez Moreno 44, no Mercado do Progreso) poderán gozar da exposición e da arte en directo de Josef Méndez, mestre do Art Horror vigués e coñecerán de primeira man a decoración alieníxena que rende homenaxe a ‘Alien, o oitavo pasaxeiro’, aquela obra mestra na que Sigourney Weaver e mailo seu gato eran capaces de derrotar un becho furioso de mala baba.
A entrada para ter acceso a todo o programa do venres 25 custa 5 euros, pero cabe a posibilidade de obter diferentes packs para varios días ou con regalos.