Non será a única homenaxeada: a actriz Isabel Blanco e os veciños Constante Romero e Chelo Casalmorto recibirán o Chimpín de Prata ‘Premio Pepe Puime’, nunha Noite das homenaxes que tamén acollerá a estrea de Catorce Cans, o making of de Isaura Docampo do Festival de Cans de 2017.
A Noite das homenaxes terá lugar no Torreiro ás 22.30 horas e ao seu remate terá lugar un dos concertos máis esperados desta edición, xa que Triángulo de Amor Bizarro chegarán a Cans para presentar o seu novo EP ‘El Gatopardo’ e tocar os seus grandes éxitos.
Antes, ás 21.00 horas no Espazo Mahou da Leira de Alicia, terá lugar outro momento especial co Concerto Mahou Cinco Estrellas de Depedro, que repasará o repertorio dos seus catro discos coa intimidade do formato acústico. Os seus fans terán ademais a oportunidade á tarde de ver ‘Casamance: la banda sonora de un viaje’, o documental de Paloma Zapata sobre a súa viaxe a Senegal na busca do lendario musico Lamine Konté.
O audiovisual que vén
O Festival de Cans procura ano tras ano servir de escaparate para o cinema que está por vir, atendendo a cineastas que comezan pero tamén creando dous espazos para proxectos aínda en progreso: ‘A que andas?’ e ‘Fillas e Fillos de Cans’.
No primeiro deles, que se celebrará no Baixo de Moncho ás 13.00 horas contarase coa colaboración da Asociación Sindical Galega de Guionistas para abordar cos seus autores e autoras o guion de filmes dos próximos filmes de Ángeles Huerta (‘O corpo aberto’), Olga Osorio (‘Einstein-Rosen’), Ignacio Vilar (‘María Solinha 2.0’), Roi Fernández e Laura Villaverde (‘Ursúas’), Roque Cameselle (‘A granxa dos malditos’) e Borja Cobeaga (‘Intríngulis’), que tamén protagonizará ás 10.00 horas o coloquio do Café con CREA, organizado en colaboración Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia.
Pola outra banda, en ‘Fillas e Fillos de Cans’ serán aqueles e aquelas cineastas que pasaron polo festival en momentos iniciais da súa carreira quen presenten os seus novos proxectos: Jaione Camborda (‘Arima’), Dani de La Torre (‘La sombra de la ley’), Xacio Baño (‘Trote’), Lois Patiño (‘Tempo vertical’), Javi Camino (‘Nación de muchachos’), Guillermo de Oliveira (‘Desenterrando Sad Hill’) e Blas Lamazares (‘3’). Será ás 16.30 horas tamén no Baixo de Moncho, e completará esta serie de encontros con profesionais do audiovisual o terceiro dos Coloquios AISGE, titulado Acoso sexual: fin do tabú? e protagonizado por Nieve de Medina, Tamara Canosa e Nieves Rodríguez.