Cans é un festival que se celebra ao aire libre, moi condicionado polo tempo, que malia non acompañar nesta ocasión conseguiu reunir a un público que gozou de todas as actividades con total normalidade e plantándolle cara á climatoloxía. Ademais, a organización confirma que, nos cinco anos que van dende que o festival conta cun servizo de asistencia sanitaria propio, este foi o que menos partes de incidencias rexistrou, con tan só 5 persoas atendidas na enfermaría, todas elas por cuestións leves.
Entre toda a programación cómpre destacar o grande éxito que acadou o concerto de Iván Ferreiro na nova Leira de Alicia-Espazo Mahou, espazo que se manterá tamén de cara a próximas edicións. Tras esgotar as entradas para o concerto en vinte minutos, o festival cumple un dos obxectivos desta edición: atraer á xente xa dende o venres. Ademais, este mesmo espazo funcionou todo o sábado como punto de encontro, con xente dun xeito estable dende a mañá ata a noite. A zona foi escenario do noso primeiro “Dálle caña!”, un coloquio cun formato informal no que os curtametraxistas da sección oficial a concurso presentaron as súas producións ante o público e debateron sobre a aventura de iniciarse no audiovisual. Na Leira de Alicia-Espazo Mahou tamén se desenvolveu o noso habitual Coloquio na Leira, no que nesta ocasión Emma Lustres e Dani de la Torre conversaron sobre «El desconocido» e adiantaron ante as 400 persoas asistentes detalles sobre os seus futuros proxectos.
Consolídanse a sección MiniCans e o Parque do río, un espazo pensado para os máis pequenos, que estivo cheo de familias dende primeira hora da mañá ata a posta do sol. No tocante á parte da programación pensada para os máis pequenos e pequenas da casa, esgotáronse as entradas para o teatro de sombras Alecrín Monicreques, para o espectáculo de Trío Acivro e a proxección de Maimiño foi un auténtico éxito. Ademais, no noso Cans do Futuro pasaron preto de 1.000 escolares e estudantes de escolas de audiovisual.
Esta 13ª edición tamén houbo un especial protagonismo por parte dos veciños e veciñas da parroquia de Cans. Continuouse coa colocación dos seus chimpíns no Muro dos Chimpíns, testemuño dos veciños e veciñas que levan recibido o premio Premio Chimpín de Prata Pepe Puime, que este ano foi para Manolo Cid e Chelo Fortes. Ademais, o xurado dos veciños este ano contou con Fermina “do Pouso” -que se converteu con 91 anos na integrante de maior idade de toda a historia do xurado do festival- e amosouse o documental “Ponme a última!”, levado a cabo por veciños e veciñas da parroquia.
Grandes momentos Cans 2016
Todas as proxeccións de longametraxes lograron encher as salas, destacando especialmente a estrea de Psiconautas e o pase “rebobinado” de El Desconocido, no que o director Dani de la Torre e os dous gañadores dos premios Goya do filme -Jorge Coira, mellor montaxe e David Machado, mellor son- estiveron presentes para comentala. As nosas seccións A que andas? e Fill@s de Cans continúan a darnos os mellores adiantos do que está a pasar no noso audiovisual, á que se lles sumou este ano Retratos de familia, na que os realizadores e realiadoras amosaron o lado máis íntimo e familiar das súas creacións.
Os concertos de Delafe, Novedades Carminha e Os Diplomáticos de Monte Alto foron multitudinarios e a climatoloxía non puido conter as ganas de bailar e cantar que tiñan os asistentes. O público tamén respondeu en todas as actividades dos espazos de programación paralela do festival: o Jalpón de Alicia, o Cans Voulevar, a Sala Multiusos, a nova Cociña da señora Esther -na que Javier Olleros preparou un exquisito caldo para degustación dos presentes- ou o marabilloso espectáculo de Mercedes Peón e Janet Novás a carón do Jaliñeiro, que conseguiu emocionar e facer vibrar a todos os asistentes calificándoo como un dos mellores desta edición e sendo un dos máis comentados nas redes sociais.
Curtas gañadoras na Sala Ingrávida
Todas as curtametraxes gañadoras desta edición do festival proxectaranse o próximo venres 27 de maio ás 22h00 na Sala Ingrávida por un prezo de 4€. Os asistentes poderán ver: Ladrones de tiempo, Viaje a pies, A liña Política, Share o no share e Lurna.