A Consellería de Sanidade informou este sábado de que ata esta mañá confírmanse outros catro casos activos de persoas afectadas por Covid-19 no brote de A Mariña. Os novos casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas elevan a 186 o número de casos activos dentro deste brote.
No día de onte realizáronse 144 PCR a persoas relacionadas con este brote, das que catro arroxaron resultado positivo, o que implica unha porcentaxe moi baixa respecto ao momento no que se adoptaron as medidas especiais para conter o brote no distrito de A Mariña, cando aproximadamente do 20% das PCR realizadas eran positivas. Dende o inicio deste abrocho xa se levan feito no distrito sanitario de A Mariña un total de 3.345 PCR vencelladas ao brote.
A Xuntga sinala que os novos positivos detectados «están relacionados co brote, o que permite seguir a garantir a trazabilidade dos casos e continuar na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión e conter o brote».
O primeiro caso de infección por Covid-19 detectouse o martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas.