Preto de 100 tripulantes a bordo de 15 hilarantes embarcacións sen motor voltarán a divertir e sorprender aos milleiros de asistentes que se achegan cada ano. A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo domingo de 16:00 a 16:30 horas, sendo obrigatorio o uso de chaleco salvavidas (corre a cargo de cada participante).
O evento coincidirá como cada ano coa feira de oportunidades ‘Portobelo’ de Ovalmi na Alameda de A Ramallosa, cunha vintena de comercios que ofrecerán as súas mellores ofertas durante todo o día. Ademais, ás 12:30 haberá unha actuación de danza moderna da ‘Escola A Paradela’ e e ás 20:00 horas a Banda de Música de Vincios ofrecerá o concerto ‘Clásicos de onte’ .
O ‘Flota como poidas’ consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela. O Concello premiará o artefacto flotante máis currado e o máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao «Titanic» da edición.
O obxectivo primordial é achegar aos veciños e visitantes ao mar, promovendo actividades que fomenten a afición pola cultura marítima e que os máis pequenos tomen conciencia da nosa cultura marítima ao tempo que se divirten.