A adhesión a este acordo, que se levará ao pleno ordinario do mes de abril, ten por obxecto dotar ao punto limpo de Nigrán do equipamento preciso para a recollida e clasificación dos materiais, compoñentes, consumibles e subconxuntos que compoñen os RAEE, tanto de orixe doméstico como os de usos profesionais.
En Galicia existen varias plantas autorizadas para o tratamento destes refugallos que deben cumprir cuns requisitos técnicos precisos e contar cunha autorización como xestor de valorización de residuos perigosos ou non perigosos, segundo sexa o caso.
Este convenio permitirá ao punto limpo de Nigrán asumir as función destas plantas, para o que se dotarán as súas instalacións coa maquinaria necesaria, de xeito que cumpran as condicións precisas para a recollida, almacenamento e clasificación de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos. Así, disporá de maquinaria para pesar os RAEE recollidos, marquesiñas para o seu almacenamento, barreiras de estanquidade e beirís perimetrais e carteis distintivos correspondentes ás distintas fraccións de RAEE.
«Consideramos que é unha oportunidade para o municipio porque centralizaremos no punto limpo a recollida e xestión deste material, que nalgúns casos pode resultar nocivo», declara o alcalde da localidade, Juan González. Deste xeito, segundo apunta o rexedor, contribuirase a minimizar os verquidos ilegais deste tipo de produtos na localidade e suporá «un plus de comodidade para os veciños», que non terán que desprazarse ata as plantas habilitadas para tal efecto.