O acondicionamento da parcela, que actualmente alberga a Escola Municipal de Música, realizarase durante dúas semanas, nas que se eliminarán os elementos en mal estado do parque infantil que non se poidan recuperar substituíndoos por novos xogos adaptados ás normativas de seguridade vixentes. No espazo, onde actualmente tanto os elementos de xogo como o pavimento están en estado de deterioro, recuperarase o parque infantil existente, crearase un circuíto biosaudable destinado a persoas da terceira idade e dotarase de iluminación ao recinto.
Por outra banda, instalarase un circuíto biosaudable dirixido a adultos e dotado de múltiples equipos de ximnasia: de iniciación á actividade física, coordinación de movementos, exercicios e relaxación, de xeito que os maiores da parroquia poidan empregalos para manter a súa forma física e previr ou tratar diferentes lesións que lles afecten.
Incidirase tamén na accesibilidade e na supresión de barreiras no recinto, cuestión prioritaria para o Concello de Nigrán. «Solventar este tipo de obstáculos arquitectónicos é un compromiso do noso goberno, onde a accesibilidade supón un eixe central nos obxectivos do noso grupo de traballo para facer de Nigrán un municipio para todas e todos, independemente das súas limitacións físicas», declara o alcalde da localidade, Juan González. Dacordo con isto, todos os elementos que se inclúen no proxecto, como as rampas, os vaos e os illotes, cumprirán os requisitos precisos para facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida.
Espazo lúdico
Ademais desta actuación, no Torreiro de San Roque tamén se construirá un novo parque infantil no que se investirán 20.000 euros do Plan Concellos 2016, permitindo así que os máis pequenos dispoñan dun espazo lúdico no centro da parroquia. E para culminar as obras nesta zona, remodelarase integralmente a praza onde se ubica a capela, unha intervención iniciada en 2010, cando o actual rexedor era concelleiro de Urbanismo, e que remata agora para convertirse nun novo lugar de encontro entre as veciñas e veciños de Camos, dende os máis pequenos aos máis maiores.